Friday 26 de April de 2024

Pontón destaca a gran transformación de Rianxo baixo o mandato de Muíños que da o relevo a Ordóñez para que o concello siga avanzando no económico e no social


O actual rexedor deixa a primeira liña pero seguirá traballando man a man co BNG e traslada apoio total ao novo candidato ás eleccións municipais

“É un gran candidato e será un gran alcalde porque ama Rianxo, ten ideas e confía no potencial deste concello”, destaca Pontón do cabeza de lista

Ordóñez comprométese a seguir cun goberno á favor da maioría social, próximo á xente, feminista e fomentando a participación da veciñanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Rianxo no acto que acolleu tanto o anuncio do actual alcalde, Adolfo Muíños, de dar un paso atrás como a presentación de quen toma o relevo como candidato á Alcaldía nas próximas eleccións municipais, Xusto Ordóñez. O aínda rexedor da este paso por motivos persoais, pechando un ciclo de dezaseis anos de intenso traballo político, doce deles como alcalde, que teñen logrado unha auténtica transformación en positivo do concello de Rianxo.

Así o destacou a líder nacionalista quen aproveitou o acto para trasladarlle o agradecemento do BNG. “Quero expresar todo o meu afecto, admiración e agradecemento a Adolfo Muíños pola súa dedicación ao longo destes anos, sabendo que fixo canto puido e máis para defender Rianxo e a súa veciñanza, un exemplo de honestidade, boa xestión dos recursos públicos e de capacidade para mellorar a vida das persoas, que foi capaz de darlle dinamismo económico e social a un concello que logrou un auténtico avance e transformación”, explicou Pontón.

A defensa dos servizos públicos, o impulso económico coa posta en marcha de novas industrias dentro do parque empresarial, a recuperación do patrimonio, a decida aposta pola lingua e a cultura na terra de Castelo, Dieste ou Manuel Antonio, o impulso ás parroquias do rural, foron algunhas das cuestións que destacou tanto a líder do Bloque como o propio alcalde como exemplos do avance de Rianxo.

Avances que inclúen novos equipamentos para o rural, como a recuperación de nove escolas unitarias, a actuación en materia de vivenda protexida rehabilitando as vellas escolas de mestres ou o saneamento das contas públicas nun concello que tiña a maior débeda por habitante de todo o Estado cando o BNG tomou o liderado do goberno local. E todos estes logros a favor da veciñanza, pese a ter na Xunta un goberno a contra.

Pontón indicou que o BNG respecta a decisión de Adolfo Muíños e destaca que “non é unha despedida” pois que seguirá traballando directamente co BNG de Rianxo, dando o relevo con todas as garantías de ter unha organización forte e co seu total apoio ao novo cabeza de lista, Xusto Ordoñez, Tito.

“Ten a ilusión, enerxía e a paixón que se necesita para gobernar Rianxo, é un gran candidato e será un gran alcalde porque ten experiencia de goberno, coñece o concello, coñece o seu tecido económico e social, ten ideas e moitas ganas de seguir mellorando a vida deste municipio continuando co proxecto que representa o BNG”, destacou do novo candidato durante o acto de presentación no auditorio municipal.

“Tito ama Rianxo e a súa xente, confía no potencial deste concello, ten ideas para seguir mellorando os servizos públicos, para impulsar a economía local, mellorando a vida da xente e desde ese amor e confianza nas posibilidades de Rianxo temos por todo por ganar, damos un novo impulso para revalidar á Alcaldía desde o apoio reforzado da veciñanza”, recalcou a líder do BNG.

No mesmo sentido foi a valoración de Muíños sobre o candidato: “Unha persoa decente, honrada, que da o paso adiante e co arroupe do BNG e da militancia será capaz de seguir desenvolvemento un proxecto pensado para as persoas e tamén en clave de País. Conta con toda a miña colaboración”, proclamou.

Pola súa parte, Ordóñez destacou o traballo feito polo actual goberno municipal, do que forma parte como concelleiro de Deportes, e manifestou o seu compromiso de seguir cun proxecto político a favor da veciñanza.

Muíños: “Agora con Tito”

“Dispoñibilidade a seguir cun proxecto de goberno desde a participación de todos e de todas, próximo a mocidade e ás persoas que máis o precisen nun momento de crise, ás que vivan unha situación de vulnerabilidade e, desde logo, un goberno tamén feminista. Convido a toda a veciñanza a participar neste proxecto que representa o BNG para seguir avanzando e dando alternativas a todas as necesidades do pobo de Rianxo”, concluíu.

Nunha sentida intervención, Muíños anunciou a súa retirada da primeira liña cando en maior finalice o mandato, “un tempo longo e por razóns persoais decido rematar pero como militante do BNG seguirei traballando para que, agora con Tito, sigamos tendo a máxima responsabilidade de goberno en Rianxo tras as próximas eleccións municipais”.

Muíños, ademais de repasar os grandes logros que fixeron avanzar o concello no económico, por exemplo coa implantación de novas industrias vinculadas ao sector do mar; no social coa mellora dos servizos públicos, e no cultural facendo da lingua e do patrimonio un sinal de identidade; quixo destacar a vocación de Rianxo de ir máis aló do ámbito municipal, facendo boa a máxima que convida a actuar localmente pero pensando globalmente, defendo causas nobres tanto a nivel municipal, de Galiza e do mundo.